Facer fotomontaxes

Para facer fotomontaxes é importante a planificación do traballo, é dicir, precisamos saber (ou intuír) cal queremos que sexa o resultado final.

Imos exemplificalo coa elaboración dun cartel para o entroido. O primeiro que imos facer é buscar unha imaxe de fondo e a imaxe dunha personaxe. Tamén teremos que inserir un texto.

Neste caso, escollemos a Catedral de Santiago, unha textura e un peliqueiro. Usamos unha textura para crear un fondo artístico, a textura non é máis que unha foto dunha superficie rugosa ou unha imaxe abstracta que usaremos para mellorar o aspecto da fotografía do fondo.

obradoiro
 textura peliqueiro

 

1. Abrimos a imaxe de fondo (a Catedral).

2. Agora imos a Ficheiro > Abrir como capas e abrimos a imaxe da personaxe e a da textura. As capas superpóñense e queda enriba a foto do peliqueiro. Debaixo está a Catedral tapada pola textura, xa que as dúas imaxes teñen o mesmo tamaño.

capas

3. Imos á ventá Capas, alí están as tres capas que formarán a nosa imaxe. Seleccionamos a segunda capa (a que conten a textura); para seleccionar unha capa temos que  facer clic enriba dela, veremos que aparece resaltada.

Na mesma ventá arriba vemos un desplegable onde pon Normal. Isto quere dicir que vemos a capa en modo normal mais existen outras opcións moi interesantes. Podemos facer que a capa sexa semitransparente e modifique o aspecto das que ten por baixo, para iso temos que escoller un dos modos que veñen no desplegable. Nos imos usar o modo Luz forte.

 

efectos capas

 

4. O paso seguinte é seleccionar o bordo da personaxe para integrala no fondo e que non se note o recorte. Para iso, collemos a ferramenta Selección libre e imos trazando puntos ao redor.

 

 

5. Cando a figura está completamente bordeada pola selección, podemos difuminar a selección para que non quede un bordo moi duro. Isto quere dicir que o recorte vai ser suave, coma se o contorno da figura esvaecera. En Selección > Difuminar, darémoslle un valor que depende da nosa imaxe. Se é moi grande, o valor terá que ser máis grande, se é pequena, o valor será menor.

6. Para poder borrar o fondo e que se vexan as capas de abaixo necesitamos engadir a canle alfa, esta canle é a que di que pixel é opaco e cal transparente. Para engadir a canle alfa imos á ventá capas e co botón dereito sobre a capa, seleccionamos engadir canle alfa no menú.

7. Agora cómpre inverter a selección para deixar a figura sen fondo. Para facelo, imos a Selección > Inverter selección (Ctrl + i). Despois imos a Edición > Eliminar ou prememos en Suprimir e xa borramos o fondo.

8. Axustamos o tamaño e a posición da capa da figura. Tamén podemos axustar as cores ou o contraste para que quede similar ao fondo.

Para facilitar o desenvolvemento destes pasos, dispós dun apoio:

 

 

9. Por último, só quedaría colocar o texto e xa temos o noso cartel.